logo

Foi no ano 2004 cando a Área de Cultura e Benestar Social do Concello de Cambre, a través do Museo Xacemento romano, iniciou un ambicioso programa de recollida de fotografías antigas referentes ao termo municipal, co fin último da posta en marcha dun fondo de fotografía histórica de acceso público. O obxectivo básico non era outro que a preservación deste inxente patrimonio inmaterial que estaba en serio risco de desaparición.

A dificultade principal do proxecto inicial foi a falta de medios  técnicos e materiais para levalo a cabo. A conservación das fotografías propiamente ditas requiría unha infraestrutura coa que a administración local de Cambre non contaba nin podería contar, nin sequera, a longo prazo. Polo tanto, optouse por un proxecto de protección básica do fundamental, da imaxe. Deste modo, a fototeca de Cambre non se basearía en fotografías físicas, senón en imaxes fotográficas cuxo mantemento levaba aparellado un custo infinitamente menor.

Comezou así unha ampla, rigorosa e metódica busca de material fotográfico: en primeiro lugar, coa investigación e busca tanto nos arquivos públicos de Galicia como nos do resto do Estado; en segundo lugar, coa localización e rastrexo en numerosos arquivos privados e en tendas especializadas; en terceiro lugar, e sobre todo, en fondos familiares de todas as parroquias do concello. Os froitos obtidos a través desta última liña de traballo foron os que mellores e máis fecundos resultados arroxaron, tanto en canto á calidade como á cantidade das fotografías recollidas e custodiadas.

Tanto foi así que non se atopa, nin en Galicia nin no resto do Estado, ningunha outra fototeca que reúna as características (sobre todo as referidas á cantidade) da fototeca de Cambre. Este feito nunca tería sido posible sen a activa e desinteresada participación da cidadanía do termo municipal de Cambre.

Neste momento adoptouse a que, ó noso xuízo, foi a decisión máis importante para a evolución da fototeca: a realización da primeira exposición fotográfica e a elaboración do primeiro libro (aínda que, por diversas cuestións, este libro non se editou ata o ano 2011).

Esa primeira exposición supuxo a visibilización do arduo traballo desenvolvido ata entón e, o que foi máis importante, supuxo un proceso de revalorización do propio realizado por cada unha das veciñas e por cada un dos veciños que acudiron á exposición. Tras o seu remate o ritmo de cesións de imaxes medrou de xeito vertixinoso, de tal forma que os medios que ata entón se empregaron para o seu tratamento resultaron xa claramente insuficientes.

Neste punto sería inxusto non sinalar a fundamental colaboración da empresa Molduras del Noroeste S.L que, a través dos seus propietarios (D. César e Dª Eloisa Cubeiro Veiga), posibilitaron mediante o seu mecenado a compra de tres fotografías estereoscópicas orixinais e, ao ano seguinte, mediante unha sustanciosa aportación económica, patrocinaron o libro "Estampas de Cambre. Imaxes para o recordo" e a exposición que lle servía de soporte. Verdadeiramente este foi o ano no que tanto a exposición como o arquivo iniciaron o seu despegue definitivo tanto en canto á calidade como á cantidade dos seus fondos fotográficos. Por iso o Concello de Cambre sempres será debedor para con eles: a súa fe no proxecto da fototeca municipal sempre foi un acicate para nós.

A finais do ano 2006 adquiriuse un programa de xestión dos fondos, especificamente desenvolvido para fotografías, o programa  APCIMATGE, creado polo Centre de Recerca i Difusió de la Imatge (CDRI) do Archivo Municipal de Girona e a empresa ApcSoft, o que ocasionou unha reorganización dos traballos, sobre todo no relativo aos produtos que xeneraba a fototeca, posto que xa era posible a busca específica por criterios definidos previamente, co que a potencia do fondo de fotografía se multiplicou enormemente.

Tres exposicións e tres libros novos (anos 2006, 2008 e 2010) contribuíron aínda máis á posta en valor das imaxes fotográficas. Como se pode comprobar no apartado Actividades da fototeca, cada exposición e cada libro seguiron un fío condutor o que veu a demostrar que o fondo de fotografía ten a amplitude suficiente como para poder documentar unha boa parte dos principais temas de interese en canto á análise histórica.

Finalmente, no ano 2009, a Concellería de Turismo, Patrimonio Histórico-Artístico e Natural e Medio Rural, obtivo unha subvención do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local, grazas a que se realizaron os seguintes traballos:

  • Catalogáronse 14.185 imaxes fotográficas.
  • Adquiriuse o equipamento completo para a posta en marcha dun punto presencial de acceso á fototeca.
  • Creouse este espazo web www.fototecacambre.es, que universaliza o acceso á nosa historia desde calquera parte do mundo.

Para rematar, só dicir que este é un fondo vivo, en continuo movemento, que se acrecentará grazas á participación de todas aquelas persoas que nos confíen a súa memoria familiar. A elas e a eles débemonos.

Moitas grazas